sábado, 16 de junio de 2018

Deica logo


Nese momento a luz se apaga e te envolve a escuridade. Só son unhas palabras, ou se cadra unha mirada, ou un aceno coa cabeza. Mais ti axiña sabes o que significa. Non queres sabelo, e moito menos queres que pase. Malia así é, e xa non podes facer nada. E os teus folgos desaparecen, e o teu corpo quere fallar, os teus xeonllos queren ceder. Tratas de negalo, mais os teus ollos xa entraron en erupción. Pero non podes.

O tempo párase. Ou máis ben sintes como se funcionase de xeito distinto para ti, como se estiveses fóra del, vivindo a media fracción de segundo do resto do universo. E non sabes que dicir, non sabes que facer, non sabes nin como sentir. E as bágoas se esgotan, pero segues sentido na pel esa sensación de humidade seca, e un leve escozor cada vez que abres ou pechas os ollos. E sabes que non tardarán en regresar. Mais segues sen ser capaz de entendelo. O mundo continua xirando, e ti con el, pero non eres consciente. Durante un intre esquéceste de ser, soamente estás.

E todo é distinto, e todo parece un soño no que non tes control algún nin sequera sobre ti mesmo. E parece inda peor cando te das conta de que realmente todo é igual, todo é como ten que ser. E queres berrar, ou chorar, ou bater nunha parede, ou achar un culpable. Queres estar só, pero non queres estalo. E non estás só, pero o estás. E o que oes non é máis que barullo, e o que ves nin sequera te importa. Cres que entendes, pero non tal. Xa non está, e aprendes que non sabes aínda o que iso realmente significa. Sabes o que pasou, coñeces perfectamente o concepto si, pero non o feito, sen importar cantas veces o vivises. E ollas para esa caixa de madeira, e non o cres. Por momentos non é máis que unha caixa rodeada de flores. E noutros lembras o que hai dentro, e esqueces como respirar.

E pensas nos demais e tentas ser forte, tentas que non se note. E te rodean flores, mans, mágoas, frases feitas, palabras de consolo. Malia non as sintes. Están, si. Existen. Pero non teñen efecto ningún, non deixan pegada algunha no teu mundo. Segues pensando nesa caixa de madeira que semella tan pequena e tan liviana que dubidas como pode conter a ninguén. E amólante esas oracións nas que nin cres nin compartes, recitadas por voces que nin sequera coñeces.

E logo te sentas e te levantas, escoitas cancións e latín. E tes ganas de que acabe xa, de anoxarte, ás veces incluso de rir. E non sabes por que. E segues sen entender. E camiñas detrás desa caixa até que xa non hai que camiñar. E incluso ves como vai baixo terra, e sabes que ficará aí por sempre. Pero segues sen entender. E notas como o tempo pasou, mais non o sentiches pasar. E como todo pareceu rematar, pero non o sintes rematar.

E entón chega o máis difícil, cando es realmente forte, inda que no momento non o saibas, e deixas que se note. E berras, ou choras, ou bates nunha parede. Ou quizais somente falas. Ou tal vez daste de conta de que ficaches sen bágoas, ou de que nin sequera sabes como chorar. Ou marcas todos os recadros anteriores. E se tes sorte, logo hai un agarimo, ou unhas palabras, ou unha aperta, ou unha cariña, ou un bico. E lembras que non estás só.

E sabes que aínda non o entendiches por completo, pero que o irás entendendo. E pouco a pouco volves a sincronizarte co resto do mundo, e sintes pasar o tempo de novo. E sabes que non estás ben, pero que xa o estarás. Que para estar mellor, primeiro tes que deixarte pasalo mal. Que non podes ocultalo, que non podes evitalo, e que non pasa nada, e que é normal. E sabes que aínda que pareza que se acabou, aínda conservas os recordos, os sentimentos, as sensacións. Ti escolles como definir o final. E decides que todavía non é tal. Xa que aínda que segue aí a oscuridade, prestas máis atención. E descobres de que aínda hai algo de luz, que nada se apagou por completo. E que non importa no que creas ou no que deixes de crer, ti es quen creas as túas propias despedidas, ti escolles se definila coma un até sempre ou coma un deica logo. E non dubidas en cal elixir.